viernes, 26 de noviembre de 2010

Culturgal abre hoxe o gran escaparate da cultura do país con 110 actividades

O concerto de música galega e brasileira e os diálogos literarios serán os pratos fortes do primeiro día da Feira das Industrias Culturais
 
O Culturgal abrirá hoxe as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra para converterse no gran escaparate das industrias culturais de Galicia. Até o próximo domingo, desenvolverase un programa conformado por máis de 150 horas de actividades e un total de 110 actos que engloban o mellor da produción galega nos ámbitos da literatura, a música, as artes escénicas, as novas tecnoloxías, o audiovisual, o deseño ou a xestión. Todas as actividades serán gratuítas e están destinadas ao público xeral, pero tamén aos profesionais da cultura, xa que as diferentes sesións do Foro Creativa ofrecerán seis horas de análise e debate sobre a situación e o futuro do sector. “Este gran escaparate ten unha oferta moi atractiva e, sen citar todos os exemplos de actividades, destacaría para o público os diálogos literarios, os concertos que terán lugar no Auditorio, as representacións teatrais ou os obradoiros de novas tecnoloxías que terán lugar no Garaxe”, sintetiza o programa o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo.

UNHA GRAN CASA PARA GALICIA
O Culturgal preséntase ao público como unha gran casa para a cultura galega na que cada estancia se converte nun recanto dedicado a un ámbito do sector cultural. O Salón converterase no espazo para os diálogos literarios entre autores como Lopo, Diego Ameixeiras ou Rivas e xornalistas culturais. O Garaxe será o espazo dedicado ás novas tecnoloxías. No Patio ofreceranse recitais poéticos, actuacións musicais e teatrais. A Recámara será o ámbito dedicado á música e as artes escénicas. O Cuarto dos Nenos concentraranse as actividades culturais infantís. No Faiado, espazo comisariado polo xefe de Cultura de Xornal de Galicia Iago Martínez, amosaranse as expresións independentes da culturl como son os diferentes xeitos de edición, o Novo Cinema Galego ou a democratización dos espazos.
Xogando ao papel de anfitrións , o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente das Asociación Culturgal, Xulio Amigo, encabezarán a inauguración que terá lugar ás 12.00 horas. Este acto rematará coa intervención do Centro Coreográfico.
Con esta inauguración, darase a benvida ás 65 empresas do sector que participarán no Culturgal. O ámbito da música estará representada por aCentral Folque, o Centro Galego de Música Popular, Nordesía, Sinsal ou Esmerarte. O ámbito das letras contará con espazos para Baía Edicións, Asociación Galega de Editores, Biblos Clube, OQO, Xerais ou Galaxia. As artes Escénicas estarán representadas por Festiclown, Teatro Talía ou a Escola Superior de Arte Dramática. Do ámbito audiovisual estarán presentes Aira Pro, Miño Media ou Mr. Misto.
Todas as Asociacións que forman Culturgal (AGE, AGEM, Agapi, Agaphono, Escena Galega, Agapi e Eganet) contarán con espazo propio, así como as entidades patrocinadoras como Agadic, Política Lingüística ou o Concello de Pontevedra.

MÚSICA E LITERATURA
Un dos actos máis destacados que terá lugar no arranque do culturgal será o concerto Galicia BR, que se celebrará no Auditorio do Pazo da Cultura ás 21.00 horas. Trátase dun intercambio musical entre Brasil e Galicia na que participarán os brasileiros Érika Machado e Kiko Klaus –artistas revelación de Minas Gerais–, Sergio Tannus ou Carlos Blanco, que ofrecerá o seu espectáculo Ordem e Progresso.
Tamén no apartado musical, destacan os concertos de Emilio Rúa ás 17.30 no Salón para presentar o seu disco Interior e a de Emilio José, que actuará ás 20.30 no Faiado. Nese mesmo espazo, haberá unha sesión ás 16.45 dedicada á autoedición no que intervirán representantes de Estaleiro Editora, Trifolium, Proxecto Corsarias e Proxecto Derriba.
O espazo central da Feira, o Salón, dedicarase á literatura cos encontros con Ameixeiras (ás 18.00 horas), Iolanda Zúñiga (ás 18.30) e Lopo (ás 19.00 horas. Os tres estarán acompañados por Iago Martínez. Ás 19.30 presentarase De sombras e poemas que son casas de Xosé María Álvarez Cáccamo, primeiro título da colección Antoloxía Poética Sonora. Ás 20.00 horas, no Faiado presentarase a obra Non conciliados, do Cineclube de Compostela. Estes son algúns exemplos da ampla programación do Culturgal para hoxe, que se pode consultar na web. www.culturgal.com.


Fonte: www.xornal.com

2 comentarios:

  1. Hola Fernando moitas gracias pola tua visita ao meu blog, sempre e un pracer recibir visitas :)

    Tu tamen tes un rinconciño ben xeitosiño, eu si que non entendo nadiña de letras, pero as veces un sinte mesturarse entre elas...

    Unha aperta :)

    ResponderEliminar
  2. grazas unha vez mais pola achega.
    esta vez sirve para poñerme os dentes longos, porque non podo estar alí.

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...