jueves, 25 de noviembre de 2010

Cedrón e Pato unen no seu disco tradición galega e música clásica


Cristina Pato e Rosa Cedrón /LAVANDEIRA JR
 
Rosa Cedrón e Cristina Pato forman a parella artística Soas, que onte viu nacer o seu primeiro fillo discográfico co nome de Muller. Neste primeiro álbum conxunto, as dúas intérpretes mesturan a tradición popular galega, letras de destacados poetas do país e a música clásica. “A idea era xuntar as vías que tiñamos as dúas de facer unha viaxe pola tradición popular e pola clásica a través da nosa literatura”, explicou Cristina Pato. Nesa viaxe, as dúas artistas non estiveron totalmente soas, xa que contaron coa compaña do compositor Octavio Vázquez. “Mestúranse dúas tradicións: a popular galega e a clásica occidental. O resutado é moi satisfactorio”, sinalou Vázquez.
A voz deste disco é a cantante Rosa Cedrón que, xunto a Cristina Pato, inicia esta nova aventura musical da man do selo discográfico Fol. “Este disco é un soño feito realiade. Para min foi unha volta atrás, a esa parte clásica que unimos coa popular”, recoñeceu a que fora cantante do grupo Luar na Lubre.

CATORCE TEMAS
O disco contén un total de catorce cancións cuxas letras están asinadas por grandes poetas do país. Pato e Cedrón cantan así Negro Caravel e Soedades, de Rosalía de Castro; María Soliña, de Celso Emilio Ferreiro; Máis amor, de Yolanda Castaño; Os teus ollos e Unha noite na eira do Trigo, de Curros Enríquez; Pomba dourada, de Cunqueiro, ou a peza tradicional Heicho de dar. Entre elas atópanse tres interludios e un epílogo musical –asinado por Pato e Cedrón– pecha o álbum. “Comezamos este disco Muller con tres versións de temas populares. Logo temos os interludios até chegar a parte central do disco”, explicou a gaiteira Cristina Pato.
O álbum xa se atopa á disposición do público tanto no formato tradicional de álbum como na rede. “É un disco adaptado á realidade do mercado. Atópase xa nas tendas de discos, pero tamén hai unha versión dixitalizada que se pode descargar en Internet de forma legal”, explicou Fernando Luaces, de Folmusica, que engadiu que “é un traballo cheo de detalles e mesmo cun sentido terapéutico”.

XIRA EN PRIMAVERA
As dúas intérpretes galegas aproveitaron a presentación do seu disco para adiantar que teñen pensado realizar unha xira conxunto a partir da primavera. Non obstante, o inicio discográfico conxunto non significa que vaian abandonar as súas carreiras en solitario. “O nacemento do dúo xa foi hai tempo. Iso non quere dicir que non vaiamos seguir coa nosa carreira en solitario”, subliñou a gaiteira Cristina Pato.
Neste dúo artístico chamado Soas, tanto a cantante como a instrumentista conseguen unha nova senda de comunicación co público. “É unha nova vía de expresión que atopamos as dúas”, sinalou a gaiteira. No seu horizonte máis inmediato, nin Pato nin Cedrón teñen previsto poñerse a traballar nun segundo proxecto discográfico conxunto. “Non podemos dicir polo momento se haberá un segundo disco dentro dun ano ou dentro de quince”, explicou Cristina Pato, que lembrou que contaran coa participación da Orquestra de Bratislava para o disco.
As dúas artistas –que estiveron acompañadas na presentación do disco por Loaces e pola súa produtora executiva Patricia Hermida, de Mare– aproveitaron o seu primeiro contacto coa prensa para interpretar un dos temas que se inclúen no disco, Unha noite de eira do trigo, do poeta celanovés Manuel Curros Enríquez. Con esa peza pechouse a presentación no CGAC


Fonte: Xornal.com

2 comentarios:

  1. Moitas grazas pola achega. Escoitara falar deste traballo que estaban a facer elas dúas, pero non sabía que xa estaba o traballo na rúa, e sobre todo que se podía descargar de internet.
    Non terás a url, ou?

    ResponderEliminar
  2. Síntoo Zeltia pero non teño o URL si me entero de algo direicho.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...