martes, 23 de noviembre de 2010

Calveiro, Manuel Rivas e Iolanda Zúñiga participarán no Culturgal


Culturgal reunirá a partir deste venres os autores máis destacados da literatura galega, xa que as letras do país estarán presentes en todas estancias da gran casa da cultura galega na que se converterá Pontevedra. Deste xeito, autores como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras. Iolanda Zúñiga, Antón Lopo, Xurxo Sierra, Marcos Calveiro ou Manuel Portas participarán no Culturgal.
O formato que se empregará, no maioría de casos, será un intercambio entre un escritor e un xornalista cultural. Os periodistas que participarán serán Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, ademais de Belén Regueira ou Camilo Franco.
Culturgal 2010 recupera deste xeito os faladoiros de salón que foron noutro tempo os maiores motores de intelectualidade occidental. Polo salón do Culturgal pasarán o venres os autores Diego Ameixeiras –que presentará Asasinato no Consello Nacional–, Iolanda Zúñiga –que falará de Periferia– e Antón Lopo, que vén de gañar o premio García Barros coa obra Obediencia. O entrevistador para estes tres faladoiros será Iago Martínez.
Xurxo Sierra Veloso e Iván García Campos serán os interlocutores dos faladoiros de salón do sábado e sentaranse fronte á xornalista Belén Regueira. Sierra Veloso debullará na conversa o seu último texto, Os fíos, gañador do Premio Repsol. Iván García Campos é unha das sorpresas do ano coa súa primeira novela, O imposible de desatar, Premio Blanco Amor 2010. Este libro compón un retrato da cara oculta da sociedade actual, dos conflitos persoais, da soidade e a incomunicación, cun xeito de narrar novo.
A mañá do domingo estará dedicada á literatura infantil e xuvenil, coa intervención de Fina Casalderrey, Elena Gallego e Teresa González Costa. Pola tarde, Manuel Rivas, Marcos Calveiro e Manuel Portas conversarán co xornalista e escritor Camilo Franco. Manuel Rivas, debullará a súa última novela, Todo é silencio. Despois, Marcos Calveiro, un dos narradores revelación, falará das súas dúas últimas obras: Settecento e O pintor do sombreiro de malvas. Finalmente, Manuel Portas pechará os faladoiros de salón do Culturgal, cunha conversa sobre súa primeira novela, Denso recendo a salgado.
Outras presentacións de libros que terán lugar no Culturgal serán a de En castellano no hay problema, de Carlos Callón; De sombras e poemas que son, de Xosé María Álvarez Cáccamo, ou Abelcebú, de Carlos Negro
Ademais, haberá un combate poético no patio o domingo ás sete da tarde no que participarán dous equipos diferentes de na velada poética chamada Hostias en verso.

Fonte: www.xornal.com



Outros artigos:

-Versos de arte maior
-O verso e a prosa
-A beleza
-A negra terra -  Manuel Rivas

2 comentarios:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...