martes, 15 de marzo de 2011

DESEÑADOR DE EXTRAÑOS

          Ao axudante 543, confiáronlle a tarefa de deseñar unha ave que fose capaz de capturar o maior número de moscas, mosquitos, formigas aladas e libélulas, no menor tempo posible, xa que estas se converteran nun grave problema para os demais animais.
        Primeiro fixo algúns esbozos, pensou nas baleas do axudante 215 que tiveran un gran éxito e causara admiración en toda a comunidade. Comezou con prototipos de gran tamaño, pero deuse conta que era desproporcionado o volume de alimentos que subministraban os insectos, co desgaste realizado para a súa captura. Non realizara ben os cálculos das achegas nutricionais do pequeno kril co das moscas e outros insectos que tiña que combater, xa que apenas proporcionaban un digno sustento.

       Pensou nunha ave máis pequena, fixouse no pelicano, que creara o 305, a súa ave, aínda que un pouco rara, convenceu a todos, xa que era moi eficaz e non tiña competencia.

       Á nova creación do super insectívoro, colocouno unha especie de gañán no seu pico, pero cando se realizaron as probas, o aire ofrecía demasiada resistencia e as súas presas pronto aprenderon a esquivala.

      Aquilo creoulle dificultades engadidas, xa que todos murmuraban ás súas costas. Con aqueles deseños tan estrafalarios -dicían: "non chegará a ningúres". Ademais, o tempo corría na sua contra, se normalmente lles levaba un ou dous meses crear unha nova especie, a el, levoulle case catro.

      Cando o gran consello, lle realizara todo o papeleo para o traslado, da súa man xurdiu unha nova liñaxe: "A andoriña".

      Unha vez que o axudante 543 creara a ave máis rápida e eficaz, esta pronto pasou todas as probas e a douscentos quilómetros por hora, capturaba máis insectos que ningunha outra ave, e como un valor engadido, desbotaba da súa dieta os insectos que eran beneficiosos para as plantas, como abellas ou avespas.

      Ninguén dubidou dos seus dotes como extraordinario inventor, enchéndoselle de agasallos e parabens, ata que os prefectos caeron na conta do engano.

      "A andoriña non podía pousarse no chan e estaba condenada a voar toda a súa vida". Simplemente para beber, tiña que facelo en pleno voo, o seu método consistía en meter milimétricamente o seu pico sobre a superficie da auga e capturar unhas gotas. Igualmente para facer o seu niño, non podían pousarse no chan para recoller paíños e folliñas como os demais paxaros. Esta adversidade, superárana con barro que extraían en canteiras e barrancos. Tamén tiñan que resolver a colocación dos elaborados niños que como punto peculiar, estes deberían estar pegados en riscos e paredes, nunha posición que ameazaba as leis da gravidade.

      Aquela adversidade, fixo que os seus superiores, nun consello extraordinario, decretasen que o axudante 543 se superara das súas funcións e rompera cos límites do naturalmente establecido. Foi renegado a mini axudante, que significaba que só podía crear bichejos.

     Foi aquí precisamente, onde adquiriu a súa gran fama, inventou os "coleópteros" unha das grandes familias de animais do noso planeta. Estas caixas con patas, entre as que se encontra o popular escaravello, o xoaniña ou o respectable cervo voante, pronto adquiriron gran notoriedade e hoxe en día, os seus deseños son copiados nas mellores películas de ficción.



3 comentarios:

  1. Pois o deseñador dos escaravellos
    fixo unha obra prodixiosa,
    non é de estrañar que se fixaran
    nestes insectos para as películas
    de ficción.
    Moi bo o teu conto.

    Unha gran aperta.

    ResponderEliminar
  2. Pasmo co teu relato. Tés un inxenio envexable! E co que me gustan os escarabellos... E as anduriñas!

    Ben, os escarabellos, case todos, porque aos das patacas non os soporto!

    Bicos e parabéns.

    ResponderEliminar
  3. Eso de que Dios inventó el mundo solo naaaaa chorradas, tenía ayudantes, como todos. Como los grandes pintores tampoco hacían todo solo ¿o que creías?

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...